O Foro Tecnolóxico de Emprego acada a súa maioría de idade

Entre as novidades da 18ª edición destaca unha “táboa redonda” sobre emprendemento.

O Foro Tecnolóxico de Emprego acada estre ano súa maioría de idade. Como vén sendo habitual nas últimas edicións, a cita, que terá lugar entre os días 7 ao 9 de marzo, será no vestíbulo da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, onde se levarán a cabo novas iniciativas para axudar ao alumnado das tres enxeñarías do campus (Minas e Enerxía, Industrial e Telecomunicación) a dar os seus primeiros pasos no mercado laboral. Entre as principais novidades, destaca a celebración do que a organización denomina como unha “táboa redonda”, un coloquio onde emprendedores novos contarán como crearon as súas empresas, de maneira que os futuros enxeñeiros e enxeñeiras poidan achegarse ás experiencias de antigos estudantes que, coma eles, tiveron que abrirse paso na busca de emprego no ámbito tecnolóxico.

Organizado exclusivamente por alumnos e alumnas de enxeñaría, o equipo responsable da iniciativa na súa 18ª edición supera o centenar de persoas: máis de 80 voluntarios e 20 coordinadores encárganse de todo o que atinxe á xestión da páxina web, á planificación das conferencias ou ao contacto coas empresas, entre moitos outros labores. Á fronte deste equipo está Martín Rodríguez, estudante do Grao de Enxeñaría da Enerxía, quen considera que gran parte do éxito deste foro “é o resultado das persoas anteriores que investiron o seu tempo e esforzos en desenvolver esta actividade, deixando o legado aos seguintes coordinadores”. Neste senso, Rodríguez valora a súa experiencia previa no equipo de organización como “algo necesario e enriquecedor para un enxeñeiro, pois aprendes a tratar coas empresas e vaste relacionando co mundo laboral, algo que non che ensinan na carreira”.

Participarán empresas como Repsol, R, Aluminios Cortizo…

Ademais de conferencias e workshops, o foro volverá contar coa presenza de postos de diferentes empresas nos que as persoas asistentes poderán entregar os seus currículos, ofrecéndolle ao alumnado a oportunidade de establecer contacto directo cos representantes das 25 compañías que confirmaron xa a súa participación.

Nesta edición participan empresas que xa viñan asistindo en anos anteriores, como Repsol, R e Aluminios Cortizo, entre outras. Así mesmo, incorpóranse outras compañías que se estrean por primeira vez no foro tecnolóxico, como Norvento, EDF Solar ou Televés.

“Táboa redonda” de emprendedores

Sobre a “táboa redonda” de emprendemento, o coordinador xeral do foro destácaa como unha das grandes novidades desta edición. “A día de hoxe, todos os estudantes estamos centrados en rematar e entregar o currículo a empresas xa formadas, sen facer nada máis, polo que cremos que é moi importante dar tamén este outro enfoque no foro”, afirma o coordinador.

Pese a todas as dificultades que supón organizar un evento deste tipo, Rodríguez salienta que todo se fai máis doado polo compañeirismo que comparten todos os membros do equipo, que non dubida en definir como “unha piña”. Sendo este o terceiro ano no que participa na organización, non deixa de lembrar “a todos os meus compañeiros, cos que pasei horas debatendo e discutindo aspectos referentes á coordinación do foro”.

Fuente: Noticias Vigo