O Foro Tecnolóxico de Emprego en Vigo agarda superar os 2.500 currículos recollidos

Organizado polo alumnado das tres enxeñarías do campus, a cita prolongarase ata o venres. Este ano colaboran nesta cita máis de 50 empresas, 33 delas con stand propio

É a gran cita anual co emprego do ámbito tecnolóxico, organizado por e para o alumnado das tres enxeñarías do campus: Minas e Enerxía, Industrial e Telecomunicación.

Este mércores arrancou no campus a XVIII edición do Foro Tecnolóxico de Emprego e fíxoo coa expectativa de superar os 2500 currículos recollidos en 2017. Participan medio cento de empresas, 33 delas con stand propio, son unha nutrida mostra das principais firmas do sector, algunhas xa clásicas desta cita (Repsol, R, Aluminios Cortizo, BorgWarner…) e outras que se incorporan este ano (Norvento, EDF Solar, Televés…) atraídas, sobre todo, polo tirón de ter presenza nun foro ao que acoden as novas xeracións de profesionais recén incorporados e incorporadas ou a piques de incorporarse ao sector laboral.

A actividade, na que tamén participan os colexios profesionais e as principais asociacións profesionais, arrancou a primeira hora da mañá co programa de conferencias, worshops e mesas redondas, pero a inauguración oficial, e con ela a apertura dos stands no vestíbulo da Escola de Enxeñaría da Enerxía e Minas, non foi ata o mediodía. Como vén sendo habitual contouse coa participación do reitor, Salustiano Mato, que retou ás empresas a ser quen de reter o talento que cada ano sae das aulas, “profesionais cun perfil tremendamente valorado”, e unha representación das directivas das escolas anfitrioas: Natalia Caparrini, directora da EE Minas; Íñigo Cuiñas, director da EE de Telecomunicación, e Ana Megías, subdirectora da EE Industrial, que amosaron o seu orgullo porque unha vez máis o alumnado foi quen de demostrar a súa valía, organizando un evento á altura dos mellores foros de referencia a nivel nacional.

18 anos dunha iniciativa convertida xa en referencia nacional
Ademais da representación institucional, este ano, no que o foro cumpre a súa maioría de idade, o coordinador xeral desta edición, Martín Rodríguez, estudante do Grao en Enxeñaría da Enerxía, quixo convidar a participar na inauguración a Patricia Leal, responsable da primeira edición do foro e “verdadeira alma mater deste evento”. Visiblemente emocionada, Leal lembrou os inicios desta iniciativa que naceu na delegación de alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, “a primeira edición celebrouse no aparcadoiro da escola e estivemos a punto de ter que cancelala polo mal tempo”, e á que axiña se uniron as compañeiras e compañeiros das outras dúas escolas de enxeñaría do campus.

“Nesa primeira edición conseguimos xa o apoio de grandes empresas e elas arrastraron outras máis pequenas. Hoxe síntome orgullosa de que a iniciativa continuase de xeito ininterrompido, algo que non é doado, e que se convertese nunha cita de referencia, non só en Galicia, senón tamén a nivel nacional”, recalcou Leal, que fixo tamén referencia ao valor engadido que achegan as enxeñeiras e enxeñeiros que se encargan da organización do foro, “ademais dos coñecementos técnicos propios das vosas titulacións, ao ter participado no foro xa se vos presupoñen toda unha serie de capacidades organizativas que hoxe en día son tremendamente valoradas no mundo empresarial”.

Por diante quedan tres días de intensa actividade
Ao longo dos tres días que dura o foro -a clausura será o vindeiro venres as 13.00 horas- o rebulir de xente e actividades é constantes nas tres escolas. “A min gustaríame destacar a cantidade de empresas que se animaron a vir e ofrecer algunha conferencia ou workshop”, indicou Martín Rodríguez, ao tempo que explicou que dende a organización tentaron que non se solapasen unhas actividades con outras para facilitar así a participación do maior número posible de asistentes.

Por primeira vez organizouse tamén unha mesa redonda dirixida ao mundo do empredemento, un coloquio co que achegarse á experiencia de antigos alumnos e alumnas que no seu día optaron por montar as súas propias ideas de negocio e que hoxe teñen a satisfacción de vivir da súa propia empresa. “Nesta primeira mesa redonda que organizamos centrada no emprendemento dos novos titulados e tituladas esperamos aprender das experiencias e ideas que conten os participantes, así como garantir outra visión do futuro ao acabar a carreira”, explicou o coordinador xeral desta edición.

Internet das cousas e industria 4.0, xestión de trazabilidade de explosivos, situación e futuro do sector mineiro en Galicia, biorréplicas e implantes personalizados, traballo virtual, Big Data… son só algunhas das temáticas nas que se van centrar as conferencias e mesas redondas previstas para estes tres días.

 

 

 

Fuente: Vigo é