O Foro Tecnolóxico une a Universidade e empresa

Un ano máis, e xa van 11, o Foro Tecnolóxico de Emprego reúne no campus de Vigo ao estudantado das enxeñarías e aos seus futuros empregadores.

Aínda que as primeiras conferencias e mesas redondas comezaron o luns, o martes, xa con todos os stands das empresas dispostos no vestíbulo da ETSE de Minas, tivo lugar a inauguración oficial. O vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán, o director da Área de Emprego, José Ignacio Armesto, e os directores das escolas de Enxeñaría de Telecomunicación e Enxeñaría Industrial, Edita de Lorenzo e Luis González Piñeiro, participaron nun acto ao que tamén asistiron Lucía Molares, delegada territorial da Xunta de Galicia, e José Lino Comesaña, director do Instituto de Desenvolvemento de Novacaixagalicia.
Todos eles recalcaron a importancia do foro, unha iniciativa que parte do estudantado, na situación actual de crise, aínda que como explicou Alicia Pérez, coordinadora xeral desta edición, “parece que estamos remontándoa xa que este ano temos máis empresas que o pasado”. Neste eido está a traballar o actual equipo de goberno da Universidade, segundo explicou José Antonio Vilán, que recoñeceu, ademais “o transcendental de ter chegado á décimo primeira edición, o que fala da importancia desta iniciativa”. Entre os datos que deu a coñecer o vicerreitor destaca o número de currículos recollidos, que o pasado ano achegáronse aos 600.
Pola súa banda, Lino Comesaña, lembrou que esta foi a súa terceira intervención no foro, “e cada ano gústame máis, xa que vexo caras de entusiasmo entre o alumnado no que supón o seu primeiro contacto coa realidade”. Nun momento no que a economía mundial, e Novacaixagalicia, en especial, “está atravesando un proceso complexo”, o director do Instituto de Desenvolvemento quixo lanzar unha mensaxe positiva, xa que “nunca choveu que non escampara”. Mentres, Lucía Molares, salientou o feito de que a coordinadora sexa unha muller. “É moi positivo que se visualicen as mulleres que están nas enxeñarías”, recordou a delegada da Xunta, que ademais aplaudiu a resposta da sociedade a esta iniciativa, como demostra a alta participación das empresas, moitas das cales son galegas, un feito importante posto que “necesitamos que quede aquí o capital humano”, asegurou.

Currículos
Entre os postos distribuídos na ETSE de Minas hai empresas que repiten, como Optare, R, Insa ou Imatia, e outras que chegan por primeira vez, tal é o caso de Alcoa ou Babel. Todas elas valoran o feito de que sexa unha iniciativa do estudantado, así como a súa “boa organización, das mellores que nos atopamos ata agora”, segundo asegura Beatriz Barrios, responsable de Selección e Contratación de Babel. Alberto de Sande, de Insa, recoñecía que a súa asistencia obedecía, sobre todo, “ao capital humano que hai”. Algo que tamén salientaba Elena Alejandro, de Imatia, unha spin-off xurdida na Universidade e “creada para reter en Pontevedra o talento”. O mellor dato para os estudantes é que a maioría delas recoñece ter incorporado ao seu equipo a algúns dos enxeñeiros que entregaron o seu currículo nas pasadas edicións.

Fuente: Atlántico