22 empresas confirman a súa asistencia a unha nova edición do Foro Tenolóxico de Emprego

Será o 8 , 9 e 10 de marzo na EE de Minas e Enerxía, a EE Industrial e a EE de Telecomunicación

Como novidade, as actividades inclúen un ciclo de conferencias sobre orientación laboral

 

Un total de 22 empresas participarán este ano no Foro Tecnolóxico de Emprego, entre elas as habituais R, Deloitte ou Optare Solutions. A cifra é lixeiramente inferior á do ano pasado, pero dende a organización apuntan que “sempre hai empresas despistadas que confirman fóra de prazo, polo que pensamos igualar o número de participantes do 2016”, subliña a coordinadora Olalla Sánchez, alumna de Enxeñería de Telecomunicación e cabeza visible dun equipo de cen alumnos e alumnas das escolas de Enxeñería de Minas e Enerxía, Industrial e Telecomunicación, encargados de por en marcha a actividade, que se celebrará días 8, 9 e 10 de marzo.

A iniciativa, que acada xa a súa décimo sétima edición conectando a empresas e futuros enxeñeiros e enxeñeiras, consolídase e medra grazas ao impulso e organización do estudantado que considera que este é un bo escaparate para que as compañías do sector tecnolóxico se presenten ante as persoas que poden chegar a formar parte das súas empresas nun futuro próximo.

Relatorios sobre orientación laboral e continuidade do espazo de emprendemento

A coordinadora xeral valora moi positivamente a pasada edición e asegura que “tanto para nós como para as empresas participantes, que quedaron encantadas coa interacción por parte do alumnado, foi un éxito de convocatoria”, explica. Ademais, os relatorios levados a cabo no marco do último Foro Tecnolóxico de Emprego tiveron un cheo total “que agardamos repetir de novo este ano”. Nesta liña, e coa intención de seguir medrando, hai programado un ciclo de conferencias que se centrará na orientación laboral e outros temas de actualidade, mudando así a a temática escollida na edición anterior que facía fincapé no ámbito técnico, xa que “cremos que nestas titulacións do tema da orientación non se fala moito, a pesar de ser importante para o alumnado que vai saír ao mundo laboral a medio e curto prazo”, apunta Sánchez.

Outra das actividades que terán continuidade será o espazo de emprendemento iniciado hai dous anos con notable éxito. A finalidade é seguir potenciando ás empresas novas, sobre todo as de carácter local ou as xurdidas dentro do propio ámbito universitario. Ademais, como ven sendo habitual, o estudantado que o desexe poderá deixar o seu currículum vitae nas casetas habilitadas para as diferentes marcas, algo que se poderá facer tamén vía online a través da páxina web do foro.

 

Fonte: DUVI