Medio cento de firmas participaron no Foro Tecnolóxico de Emprego

Estes días (até hoxe ao mediodía) celebrouse nas tres enxeñarías do Campus de Vigo (Minas e Enerxía, Industrial e Telecomunicación) a 28 edición do Foro Tecnolóxico de Emprego. Os organizadores do encontro (o alumnado das ditas escolas) puxeron todo da súa parte para superar os 2.500 currículos recollidos na convocatoria do ano pasado, cousa que de seguro confirmarán os días vindeiros. Na cita participaron empresas “clásicas” no foro (Repsol, a operadora de telecomunciacións R, Aluminios Cortizo ou BorgWarner, entre outras) e outras que se estrearon, como por exemplo Televés ou EDF Solar ou Norvento. En total, concorreron medio cento de firmas, 33 con stand de seu. A xuntanza acolleu unha manchea de conferencias, workshops e mesas redondas. 
Na inauguración oficial, celebrada a cuarta feira (mércores), o reitor Salustiano Mato retou ás empresas a ser “quen de reter o talento que cada ano sae das aulas”.

No acto de apertura tamén participaron Natalia Caparrini, directora da EE Minas; Íñigo Cuiñas, director da EE de Telecomunicación, e Ana Megías, subdirectora da EE Industrial, que amosaron o seu orgullo porque “unha vez máis o alumnado foi quen de demostrar a súa valía, organizando un evento á altura dos mellores foros de referencia a nivel estatal”. Na cita tamén participaron o coordinador xeral desta edición, Martín Rodríguez, estudante do Grao en Enxeñaría da Enerxía, e máis a responsábel da primeira edición do encontro, Patricia Leal, que fixo un percorrido polos inicios da iniciativa na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, uns inicios modestos (o foro celebrouse no aparcadoiro da escola e case tivo que ser cancelado por mor do mal tempo) pero moi esperanzadores, tal e como se demostra na participación (de alumnado, de empresas tecnolóxicas) desta convocatoria actual que hoxe remata.
Entre outras moitas cousas, o foro deu acollida a unha mesa redonda dirixida ao mundo do empredemento, un coloquio co que achegarse á experiencia de antigos alumnos e alumnas que no seu día optaron por montar as súas propias ideas de negocio e que hoxe teñen a satisfacción de vivir da súa propia empresa. Por temas, tratáronse todo tipo de cuestións relacionadas coa innovación e co día a día ao que se van ter que enfrontar as/os estudantes que están a piques de acadar un posto de traballo, ben grazas ao foro, ben grazas a outras canles de comunicación coas emprestas. Os temas principais foron a Internet das Cousas e a Industria 4.0, a xestión da rastrexabilidade (tamén coñecida como trazabilidade),a situación e futuro do sector mineiro en Galicia, as posibilidades do traballo virtual, a información a gran escala (Big Data), etc.

Fuente: Código Cero